Novas

A leiteira na arte

Trátase dunha figura que foi idealizada. Melancólica, inxenua, cándida, sempre acompañada do seu cántaro e soa. Tende a ser representada como unha figura forte e dura.

Todas estas caracterísiticas aparecen nas obras que escollemos para analizar.

A fortaleza

No que, posiblemente sexa o cadro máis coñecido con esta temática, A Leiteira de Johannes Vermeer, aprézase perfectamente esa dureza. A propia escolla da representación pétrea da protagonista trasládalle ao espectador a sensación de estar diante dunha escultura máis que dun óleo.

VERMEER

La lechera. Johannes Vermeer, 1658-1660

Pouco contraste hai entre a obra de Vermeer e o Monumento á leiteira da Alameda de Compostela do escultor Fernando Blanco. É a mesma muller forte, robusta e inaccesible. Só hai traballo e permanencia tanto na obra do holandés coma na do escultor de O Carballiño.

MonumentoÁleiteiraAlamedaSantiago

Monumento á Leiteira. Fernando Blanco, 1930

A melancolía

O pintor manchego Casto Plasencia y Maestro acada a representación definitiva da tristura da leiteira.

Pese a que o vestido e as xoias da modelo non coinciden en absoluto coa indumentaria tradicional dunha leiteira, dalgunha maneira son eses “excesos” os que acentúan o contraste do pesar da súa ollada e o que se intúe dunha tristura abismal, posiblemente froito da dinámica vital desta traballadora.

CastoPlasencia

La lechera. Casto Plasencia, 1889

A soidade

A brutalidade do óleo da artista estadounidense Anna Huntington Stanley radica na analoxía da leiteira cun animal de tiro, coa vaca.

Escravizada pero, fundamentalmente, soa, a muller que vemos na obra carga coma un animal a través dun campo no que malamente se intúe o final. Unha travesía que a leiteira está condeada a facer en soidade coma un castigo prometeico.

Anna-Huntington-Stanley-The-Milkmaid-painting-

Lechera. Anna Huntington, 1889

Doutra maneira pero cun trasfondo semellante, temos a representación de Manuel López Garabal. O pintor compostelán debuxa a dúas mulleres no que parece a Praza do Toural despois dunha xornada de traballo á que aínda lle queda a volta a pé e as labores da casa.

O máis chamativo do cadro é a sensación de introspección. As dúas mulleres que vemos no chan están completamente soas, alleas unha á presenza da outra compartindo cansazo e sufrimento.

ManuelLopezGarabal1950

Leiteiras. López Garabal, 1950

A candidez

Como diciamos ao comezo, a figura da leiteira ten asociadas connotacións de castidade e candidez.

Nunha vertente moito máis bucólica que a das obras anteriores, o pintor francés Cristophe Huet representa a unha rapaciña nova, inxenua e non exenta de erotismo á que se lle pode augurar algunha desgraza inminente froito desa credulidade cándida que comentamos. Coa única compañía do seu cántaro anda confiada polos camiños, seguramente con ensoñacións coma no Conto da Leiteira. A fábula popular que exemplifica os perigos da construcción de castelos no aire, ven reafirmar as características da figura da leiteira: a soidade, a inxenuidade ou a tristura da miseria.

Christophe_Huet-the_

La lechera. Cristophe Huet, 1700-1759

Como viamos no artigo sobre a figura da leiteira, foi unha personaxe fondamente arraigada na nosa cultura. Tanto é así que ten unha presenza moi relevante na arte.