Novas

A figura da leiteira

Mais é difícil retrotraerse a esa época, carecemos de bibliografía sobre as leiteiras de entón e, o máis importante: non queremos facer unha tese doutoral.

WhatsApp Image 2021-10-13 at 12.20.25

O gando vacún en Galiza

A principios do século XX, o gando era o piar da economía galega. As familias que podían permitir un porco para cebar, a vaca para comerciar ou os machos para traballar a terra, coidaban dos animáis co maior dos esmeros. A perda de calquera deles supuña un revés para a subsistencia familiar moi difícil de superar.

A figura da vaca foi particularmente vinculante. 

A vaca (raro é falar de familias con moitas vacas ata os inicios da explotación leiteira alá polos anos 50 do século pasado) constituía a principal fonte de ingresos para a súa familia “adoptiva”. O diñeiro en metálico chegaba a estas familias a través da venda do leite e das tenreiras do animal.

Falamos dun momento no que o acceso á liquidez monetaria era tan escaso que, en numerosas ocasións, o intercambio de bens e servicios continuaba producíndose mediante troco.

A vaca tamén producía esterco en grandes cantidades, fundamental para o traballo da terra.

A maiores, o animal valía para o traballo do campo con arado cando era necesario e para o transporte de mercadorías co engache do carro cando se carecía doutro animal de tiro.

Pero tamén cumpría a función vital de xerar “calefacción central”. En parte, e aínda que semelle brincadeira, por causa dos gases que expulsa e que tan criminalizados están a día de hoxe. Pobres vacas. Pobres cús das vacas...

En resumidas contas, tanta era a importancia da vaca na familia media galega que a perda deste animal por enfermidade ou accidente era unha desgraza maior que a perda dun adulto san. 

Moi posiblemente, non poucas destas vacas das que falamos, serían vacas A2.

WhatsApp Image 2021-10-13 at 12.20.37

O traballo da leiteira

Neste contexto é onde colle forza a figura da leiteira, un oficio reservado históricamente ás mulleres, nese papel silente e esencial que cumpren na economía capitalista.

A leiteira erguíase antes do sol e munguía á vaca, tendo conta de que se o animal estaba en tempo de criar, debía quedar leite abondo para a tenreira. Perder unha tenreira era un drama aínda maior, se cabe, que perder a vaca.

Enchían os cántaros que deran colmado e comezaba o camiño.

 

Os cántaros

Tempo atrás, os cántaros foron de arxila ou cerámica, pero no século XX xa só se usaron recipientes de chapa. Por unha banda porque pesaban moito menos e por outra, porque eran máis doados de limpar e, polo tanto, había menor risco de que se estragase o leite.

Os cántaros limpábanse a concienciencia con sosa e esparto e despois repasábanse as fendas e rendixas cun aramio limpo no esmero de que non quedase un resto de leite ou suciedade. Era importantísimo ter os cacharros impolutos porque o leite sen pasteurizar córtase coa suciedade ao momento e, como se deduce do contado ata quí, a broma de que se estragaran litros do prezado ben era calquera cousa menos graciosa.

WhatsApp Image 2021-10-13 at 12.20.25 (1)

A figura da leiteira

Ata mediados dos anos 40, o leite era un artigo de consumo esporádico. Non imos dicir que fose exactamente de luxo (sempre falando dunha economía familiar media) pero ata certo punto excepcional.

O consumo de leite estaba reservado para as persoas maiores, as persoas con doenzas ou os cativos aos que as nais non lles podían dar o peito. Para o resto, tomábase leite ás veces, por exemplo con castañas, en ocasións especiais. 

A leiteira, pois, baixaba de boa mañá e vendía o leite fresquísimo na praza das aldeas ou as vilas, e no adro das parroquias. As mulleres pero, sobre todo as nenas, ían coas súas garrafas para que a leiteira llelas enchera ao peso.

Despois, co que quedaba do leite sen vender, a leiteira paseaba entre as casas co son de chocas (clon, clon) que facían os cántaros valeiros e ofrecían o leite mazado. Este “doce” que os e as rapazas pequenas devecían por mercar, obtíñano de bater o os restos do leite que xa ía callando.

 

A leiteira é, en Galiza, unha figura de grande recordo visual en moitas xeracións. Lémbrana coma unha muller curtida polo frío e o traballo pero ten sempre connotacións doces e mesmo cándidas.

Forma parte da nosa idiosincrasia tanto coma os paraugueiros ou as mariscadoras. É difícil saber onde está a barreira entre a mitificación e a realidade, mais ten no recordo deste país un lugar especial. Difuso, en parte; case de ensoñación, se se quere, mais tamén ineludible. Un pouco como a sinécdoque do traballo das galegas e de sí mesmas como individuos nesta sociedade.

A venda de leite é un oficio antigo. Posiblemente tanto coma o propio mercado, ao que se lle atribúe a orixe en Sumeria alá polo 4.000 antes da nosa era (a.d.n.e.).