Hai moitas maneiras de celebrar o Día de Rosalía. Nós escollemos unha que deixa pegada: publicar un libro que emociona, inspira e convida a ler en familia.
En colaboración coa Casa de Rosalía, presentamos Escribindo nas alas dos paxaros, unha biografía ilustrada da máis universal das nosas letras. O volume conta cos textos de Manuel Lorenzo Baleirón e as ilustracións de Nuria Díaz, que constrúen unha viaxe delicada e luminosa pola vida e a obra de Rosalía de Castro.

Trátase dun libro pensado para achegarlles a súa historia ás crianzas, pero tamén para que as persoas adultas a redescubran con novos ollos. Porque Rosalía non é só memoria: é presente, identidade e futuro.
Un proxecto feito con agarimo, que nace do compromiso coa nosa cultura e coa vontade de compartila coa nosa comunidade.
