Hai colaboracións que son encontros entre persoas, proxectos e maneiras de entender Galicia. É o caso de Deleite Galego e Eferro, o obradoiro da zoqueira Elena Ferro, con quen compartimos unha mesma maneira de mirar a nosa terra: poñendo en valor o que somos, o que facemos e todo aquilo que nos identifica.
Dende o seu obradoiro de Merza, en Vila de Cruces, Elena Ferro leva anos reivindicando un oficio tradicional e converténdoo nunha proposta contemporánea, creativa e con vocación de futuro. Os seus zocos son xa unha das imaxes máis recoñecibles da artesanía galega, pero detrás de cada peza hai tamén unha historia de tradición, territorio e compromiso coa cultura propia.
Por todo iso, este sábado 12 de setembro temos unha cita das importantes: a Eferro Foliada volve a Merza e, un ano máis, e Deleite non podía faltar. A festa, organizada por Elena Ferro e a Asociación Cultural Zoqueira de Merza, volverá converter a contorna do obradoiro de Eferro nun punto de encontro para celebrar a cultura galega. Unha xornada na que a música, a artesanía, a gastronomía, o baile e a lingua se mesturan para crear unha festa pensada para gozar en comunidade e para todas as idades.
E nesta edición de 2026 a música volve ter un papel protagonista. Ao longo do día pasarán polo escenario propostas ben diferentes, pero todas cun elemento en común: o talento feito en Galicia.
As Estraloqueiras serán as encargadas de achegar a súa enerxía e o seu espírito festivo, mentres que Mondra levará a Merza a súa particular maneira de entender a música galega, mesturando tradición e vangarda. Tamén haberá espazo para a regueifa con Lupe e Manolo, demostrando que a palabra, o humor e a improvisación continúan máis vivos ca nunca.
A festa contará tamén con Unto Vello e Os Melidaos, dúas propostas que afondan nas raíces da música popular galega, e con Baiuca, un dos nomes máis destacados da nova escena galega, que poñerá o broche á noite cunha proposta na que a tradición e a electrónica dialogan dunha maneira única. E a foliada continuará ata ben entrada a madrugada coa música de Feitizo de Pau, para pechar unha xornada na que Merza volverá ser o epicentro da cultura galega.
Pero a EferroFoliada é moito máis ca música. É unha celebración do noso, unha maneira de reivindicar a cultura galega e de demostrar que tradición e modernidade poden camiñar xuntas. É tamén unha festa que nace no rural e que medra grazas á implicación de persoas, artistas, artesáns e colectivos que apostan por manter viva a nosa identidade.
Esta edición chega, ademais, con máis espazo e máis capacidade para acoller a todas as persoas que queiran achegarse a Merza.
En Deleite compartimos esa maneira de entender a nosa terra. A de apoiar o talento, poñer en valor o feito aquí e celebrar a nosa cultura con orgullo. Por iso, un ano máis, estaremos xunto a Elena Ferro na EferroFoliada, gozando dunha festa que xa é unha das grandes citas do calendario cultural galego.