Novas

Ruso blanco: o cóctel que ben podía pasar por galego

istockphoto-475863070-612x612

O Gran Lebowski 

A primeira vez que vin O Gran Lebowski, aínda vivía na casa dos meus pais. Collín a película na biblioteca da facultade para ver nas vacacións de Nadal. Ata hoxe, quixen poñerlle a ese episodio o título “que gran cinéfilo habitaba en min”, pero veño de caer na conta dunha compañeira de clase que falaba dos irmáns Coen coma se fosen Nirvana e, penso que máis que polo cine, debía ter filia pola interacción.

A película conta como Jeff Lebowski, “O Nota”, se ve inmerso nun surrealista secuestro a raíz dunha, aínda máis surrealista, confusión co antagonista: un millonario que tamén se chama Jeffrey Lebowski. 

Pero, máis alá da trama, o filme tocaba varios temas que me produciron un enorme interese naquel momento vital do visionado:

  • O nihilismo

Que marabilla descubrir que a abulia e a apatía eran unha corrente filosófica! Ben, non era exactamente iso mais, na miña adolescencia tardía, víñame ao pelo a xustificación das crises existenciais dos domingos con resaca.

  • A vagancia

Por fin un protagonista representaba as miñas aspiracións máis primarias, a saber: vivir sen traballar, saír da casa en bata e un desprezo positivo sobre as normas básicas de interacción social. Si, “O Nota” era o heroe que naquel momento toda unha xeración estaba precisando. Carismático e profundo, con grandes valores éticos e maleante. Como non namorar da personaxe!

  • O licor café

 Xa foron tempos mais, na vida dun universitario medio galego, a espirituosa do país por excelencia cumpría un papel decisivo nas celebracións da falsa independencia da que gozabamos. Un exercicio de compromiso co país e coa tradición. Un xeito coma calquera outro de facer revolución proletaria. 

istockphoto-1129500879-612x612

Ruso Branco

Precisamente o licor café é un dos tres ingredientes do cóctel que acompaña a Jeff Lebowski durante todo o filme: o Ruso Branco. Xunto ao leite e o vodka, formaba unha sorte de pócema enormemente atractiva tanto por aspecto coma por naming.

 

A receita de Ruso Branco

Fundamental ter un old fashioned glass (vaso de whisky). No seu defecto vale un calquera, non nos poñamos repugnantes.

Xeo

60 ml de leite enteiro

30 ml de vodka

15 ml de licor café do país

 

Era 1999 e eu vía por primeira vez unha película rara, divertida e chea de actores e actrices famosas das que, coma moitas da miña xeración, só lembro sen medo a fallar o nome e apelidos do cóctel: Ruso Branco.