Novas

Puro Deleite medra coa ‘Anduriña’ de La Casa de los ingleses


Anduriña - La Casa de los ingleses-1

Juan y Junior foi un dúo musical formado polo recoñecido artista galego Juan Pardo (que xa conta neste recompilatorio cunha versión do seu Xuntos feita pola Familia Caamagno) e Antonio Morales “Junior”. Estiveron en activo entre os anos 1967 e 1969 e a súa discografía foi intensa, pero breve (tan só seis sinxelos publicados).

Ademais de converterse nun clásico pop, Anduriña  conta cunha historia verdadeiramente curiosa no relativo á súa contraportada. O xornalista galego Antonio D. Olano levoulle unha copia da canción ao mesmísimo Pablo Picasso. Tanto lle gustou ao pintor malagueño que lle fixo un debuxo espontáneo como recordo. A pesar de que os dous artistas quixeron que a obra fose directamente a portada do seu sinxelo, á súa discográfica pareceulle que non era o suficientemente comercial.

Nesta ocasión, o grupo pontevedrés La Casa de los ingleses dálle unha dose de ritmos bailables a un dos temas máis míticos da música galega. Unha sorte de pop de guitarras que respecta de xeito fidedigno a melodía orixinal pero cunha intensidade que recorda a bandas anglosaxonas como Teenage Fanclub ou Foutains of Wayne.

Esta é a nova achega a Puro Deleite, o proxecto que culminará coa edición dun disco completo. Súmase así a unha lista que xa conforman a Munheira de Chantada de Verto, Por última vez dos Ataque Escampe, Xuntos da Familia Caamagno, O Tren de Ale, Miña terra galega de Radio Océano e Quen poidera namorala de Paloma.

O tema foi gravado nos Estudios Mans, na Coruña. Está producido por Juan Hernández, de Ronettstudio. O grupo La Casa de los ingleses fórmano Anxo (guitarra e voz), Carlos (batería), Charly (baixo e voces) e Xavi (guitarra e voces).

 

A banda de pop La Casa de los ingleses (@lacasadelosingleses) reinterpretan o clásico atemporal Anduriña (1968) do dúo Juan y Junior e convértense no novo integrante de Puro Deleite, a iniciativa na que Deleite reúne artistas e bandas do panorama musical galego co obxectivo de homenaxear aos grandes mitos da nosa música.