Durante tres días, San Pedro de Sarandón (Vedra) converteuse nun espazo aberto para descubrir, conversar e compartir arredor do territorio. Rutas por muíños, visitas a vivendas e proxectos de rehabilitación, escultura en directo, murais colaborativos e concertos formaron parte dun programa que invitou a achegarse ao rural desde novas perspectivas.
Entre a múltiple oferta, salientan, por exemplo, obradoiros impartidos por figuras como o fotógrafo Brais Lorenzo, ao que se sumaron conversas sobre arquitectura e folclore, coa participación de referentes da cultura galega como Susana Seivane ou Xisco Feijóo.
A través destas e outras moitas propostas, o Festival M.A.R.C.O. conseguiu transformar espazos cotiás en lugares de encontro, reivindicando o valor dos muíños, dos camiños, das casas e das historias que forman parte da nosa paisaxe e da nosa identidade. Unha forma diferente de mirar o rural, como o territorio vivo e creativo que é, cheo de posibilidades.
Deleite non quixo perder a oportunidade de apoiar unha iniciativa con proxectos que apostan por crear oportunidades sen perder as súas raíces.
Fotos: Aigi Boga.