Novas

Paulino Peña gaña o Premio Arume de Poesía para a Infancia 2025

Written by Deleite Galego | Dec 26, 2025 7:00:00 AM

Na sede da Fundación Xosé Neira Vilas, en Gres (Vila de Cruces), celebrouse o acto de entrega do Premio Arume de Poesía para a Infancia. Nesta edición de 2025, o galardón foi para a obra Poemas con alas !!!, do poeta ourensán Paulino Peña Álvarez.



O Premio Arume de Poesía para a Infancia foi creado por Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda coa finalidade de apoiar e dar visibilidade á poesía dirixida ao público infantil. Conta xa con máis de vinte anos de traxectoria e segue a ser un certame único no sistema literario galego polo seu foco específico nos lectores máis novos.

Un ano máis, Deleite Galego, xunto con GÁLIX e a Fundación Xosé Neira Vilas, quixo apoiar un premio que fomenta dun xeito exemplar o amor pola lectura, pola poesía e pola lingua galega desde a infancia. GÁLIX é a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, unha entidade sen ánimo de lucro que desde 1989 traballa para visibilizar e promover a cultura galega a través da literatura para nenos e mozos. 

Segundo o xurado, Poemas con alas !!! destaca pola súa musicalidade, polo xogo co ritmo e polas referencias á tradición poética galega, construíndo un universo literario que invita os lectores máis novos a descubrir a poesía como un espazo de liberdade, curiosidade e imaxinación.


Con este recoñecemento, o nome de Paulino Peña súmase á nómina de autores e autoras premiados en edicións anteriores, consolidando o Premio Arume como unha referencia imprescindible da poesía infantil en galego.

Durante o acto tamén se presentou o libro premiado na edición anterior, Latexos, da autora Beatriz Dourado. A obra, gañadora do Premio Arume de Poesía para a Infancia 2024, ofrece unha proposta poética chea de musicalidade e imaxes suxestivas que conectan coa sensibilidade do público novo

Desde Deleite seguimos a apostar por iniciativas culturais que sementan futuro, porque apoiar a lectura desde a infancia tamén é unha forma de coidar do país. E é que poesía medra mellor cando se cultiva con agarimo 🥛📚

Fotos: AIGI BOGA