O Hematofesti celebra do 4 ao 8 de novembro a súa segunda edición en Vigo, consolidándose como un dos encontros máis orixinais e multidisciplinares do panorama cultural galego. O evento, impulsado para homenaxear a figura de Miguel Ángel López González, máis coñecido como o Hematocrítico, enche a cidade de propostas que van desde o humor á ilustración, pasando pola música, a literatura e o audiovisual.
O festival contará tamén con figuras destacadas como Ignatius Farray, Luz Casal, Xosé Antonio Touriñán, Lucía Aldao, Elena Ferro, Yolanda Castaño ou Grande Amore. Un ano máis, Deleite Galego participa como patrocinador oficial, reforzando o seu compromiso coa cultura galega e co talento creativo que nace e medra na nosa terra.
Espazos Deleite: contos, obradoiros e moita imaxinación
Dentro da programación do Hematofesti destacan os Espazos Deleite, un percorrido por librarías, galerías e centros culturais de Vigo que acollen obradoiros e sesións de contos para todos os públicos. Durante toda a semana haberá actividades como:
• Sesións de contos con David Rodríguez en Évame–Oroza.
• Talleres de fanzines Son Fan con Diego Estebo no MARCO de Vigo.
• Obradoiros de xoguetes ópticos Marabillas xiratorias, con Carmen Pintos, en distintas librarías.
• Talleres de ilustración con creadoras e creadores galegos como Bea Gregores, Víctor Mascato ou Rena Ortega.
• Presentacións de libros de autores como Gabriel Romero, Óscar Reboiras, Antonio Manuel Fraga e Lois Pérez.
O Hematofesti 2025 promete cinco días de encontros, risas e inspiración compartida, e Deleite Galego estará de novo presente para brindar pola cultura feita aquí, con talento e con moito agarimo.