Novas

Ismael Ramos gaña a primeira residencia literaria promovida por Deleite

Written by Deleite Galego | Jun 27, 2025 6:56:56 AM

Cun forte e decidido compromiso coa terra e coa cultura galega, Deleite lanzaba o mes pasado a primeira convocatoria dirixida a autores galegos na coruñesa Residencia Literaria 1863.


O espazo residencial da rúa Rego de Auga lanza a primeira bolsa en residencia que o espazo coruñés dirixe especificamente a escritores ou escritoras galegas na nosa lingua: Residencia Deleite Literario. Unha oportunidade para pasar o mes de xullo concentrados nun proxecto de creación literaria para o que se contará co respaldo dunha dotación de tres mil euros a xeito de estipendio.

As dúas entidades impulsoras delegaron a selección nun comité de avaliación composto por tres voces expertas e recoñecidas na literatura galega: a narradora e editora Berta Dávila, a poeta e Premio Nacional de Poesía Nova Alba Cid, e o poeta e tradutor Jesús Castro Yáñez.

O xurado analizou o elevado número de candidaturas recibidas, nunha participación ampla e de gran nivel. De entre todas elas, decidiron outorgar a I Residencia Deleite Literario ao escritor mazaricán Ismael Ramos, Premio Nacional de Poesía Nova 2022 e autor de libros de relatos e poemarios.

O comité quixo salientar a coherencia e o rigor do proxecto presentado, que entrelaza a linguaxe da natureza coa memoria oral do territorio, ao tempo que reflexiona sobre os mecanismos de espolio que o ameazan.

Ramos comezará o seu retiro creativo o 1 de xullo para centrarse na escrita dun novo poemario, ao tempo que se integrará na vida cultural da cidade e da comarca. Un tempo de calidade, nunhas condicións de excelencia, que Deleite impulsa a prol da mellor literatura galega nova.