Novas

Fillas de Cassandra súmanse a Puro Deleite

Din as dúas artistas viguesas que a música que fan eríxese como a perfecta confluencia das súas inquedanzas, soños, rabias, loitas e medos: unha aposta pola recuperación das melodías tradicionais e a creación de novas líricas, inspiradas no canto de tradición oral pero tamén influenciadas polo pop, a electrónica e a música clásica, viaxando dende o contrapunto do barroco até os subs do techno máis escuro. Son a nova sensación do panorama pop galego herdeira de referencias recentes como Tanxugueiras e históricas como Leilía. 

Fillas de Cassandra quixeron nesta ocasión darlle unha volta á versión de Luz Casal do emblemático poema de Rosalía de Castro Negra Sombra.  

Nesta reinterpretación baixo o título de Canta miña sombra (negra sombra) xogan coa melodía orixinal da versión de Luz Casal, coa súa propia, cunha percusión que mestura tradición e modernidade e cunhas de harmonías vocais acompañadas dunha base electrónica que lle aporta ao tema un indubidable matiz de escuridade. Mesmo se atreven a facer a súa aportación ao texto orixinal na parte final do tema. A produción correu a cargo do artista pontevedrés Berto. 

Negra Sombra é como se coñece popularmente ao poema sen título incluído por Rosalía de Castro no seu poemario Follas Novas, publicado en 1880. No 1892, tan só sete anos despois da morte da escritora nada en Santiago de Compostela, chegou a versión musicalizada do compositor galego Juan Montes Capón. Dende ese momento considérase un dos cantos máis fermosos e elementais de Galicia, e as súas letras fúndense co trazo melódico de xeito que xa non se conciben de forma separada.  

Este novo tema súmase así a unha lista conformada pola Muinheira de Chantada de Verto, Por última vez dos Ataque Escampe, Xuntos da Familia Caamagno, O Tren de Ale, Miña Terra Galega de Radio Océano, Quen poidera namorala de Paloma e Anduriña de La Casa de los ingleses, O Lobo de Grampoder e O Sacristán de Coimbra de Eladio Y Los Seres Queridos. Puro Deleite, culminará coa edición dun disco físico neste 2023. 




Fillas de Cassandra, o dúo formado por Sara Faro e María Pérez, convértese no novo integrante do proxecto Puro Deleite, a iniciativa na que Deleite reúne a bandas e artistas do noso panorama musical co obxectivo de homenaxear aos grandes referentes da historia de Galicia.  

Fillas de Cassandra Puro Deleite