Novas

Deleite volve acompañar a música galega en Europa

Written by Deleite Galego | Jan 21, 2026 5:20:38 PM

Nunha nova mostra do seu compromiso coa cultura galega, Deleite Galego reafirma a súa aposta por proxectos que levan Galicia máis alá das nosas fronteiras. Este ano, volve facelo da man do Festival EmigraSON de Bruxelas, unha cita que nos últimos anos xa se converteu en imprescindible para a mocidade galega no exterior.


EmigraSON Bruxelas: Galicia soa tamén fóra da casa

A galeguidade non entende de fronteiras, e o EmigraSON é a proba de que, mesmo a máis de mil quilómetros, o país segue soando con forza. Nado en Bélxica e impulsado pola propia comunidade emigrante, o festival converte a capital europea nun punto de encontro para a música, a tradición e a vangarda galega.

Nesta nova edición, o EmigraSON volve encher Bruxelas de identidade compartida e celebración. Unha fin de semana na que a música galega contemporánea e popular dialogan sen complexos, creando espazos de festa, recoñecemento e comunidade.


Concertos e foliada: dous días para sentir Galicia

O venres 27 de febreiro, a sala La Tricoterie acolle unha xornada marcada pola diversidade sonora, coa participación de 9Louro, Fer e Paloma Paloma, ademais dunha foliada na que a música tradicional e a oralidade toman o protagonismo, coa presenza da ACG A Roda e da Irmandade Galega na Suíza. A primeira noite rematará coa actuación dos Duendeneta Dilleis.

O sábado 28 de febreiro, a sala La Madeleine convértese no corazón do festival cun cartel que reúne algunhas das voces máis recoñecibles da escena galega actual: Baiuca, The Rapants, Ortiga e Sabela, nunha noite pensada para bailar, cantar e sentirse un pouco máis preto da casa.


Un proxecto feito desde fóra e pensado desde dentro

Detrás do EmigraSON hai mozas e mozos que tiveron que marchar por traballo, pero que nunca deixaron atrás a súa ligazón coa cultura galega. Un proxecto autoxestionado, sen ánimo de lucro, que naceu do amor pola música e da necesidade de crear espazos de encontro para a diáspora galega.

Un ano máis, Deleite Galego súmase a esta viaxe colectiva, apoiando iniciativas que coidan do que somos, esteamos onde esteamos.