Novas

Deleite súmase ao Magóstolo, a nova festa outonal de Compostela

Written by Deleite Galego | Nov 20, 2025 6:30:00 AM

A Praza 8 de Marzo de Compostela converterase os días 22 e 23 de novembro no epicentro da festa outonal coa chegada do Magóstolo, o magosto organizado pola ANPA do CEIP Apóstolo Santiago, que aposta por un formato pensado para toda a veciñanza. Desde Deleite Galego participamos como patrocinadores, reforzando unha vez máis o vínculo coa cultura e o tecido social galego.


O Magóstolo nace coa idea de celebrar o outono con creatividade, música e tradición, mesturando obradoiros, actuacións, xogos e actividades para a rapazada e para o público adulto. Durante toda a fin de semana, as persoas asistentes poderán gozar de sesións DJ, contacontos, obradoiros de baile, pandeireta, regueifa, monicreques, canto tradicional ou espazos creativos para as crianzas. E como non podía ser doutro xeito... Non faltarán tampouco castañas.

Entre as propostas destacadas está a presenza de artistas e creadoras, ademais de actuacións pensadas para os máis pequenos. O domingo celebrarase tamén a primeira edición das Olimpíadas de Outono Deleite, un espazo lúdico pensado para poñer en valor a vida activa, o xogo en equipo e o bo humor.

A programación complétase con pintacaras, xogos creativos, un obradoiro de horta para as crianzas, sesións de picadiscos e a presentación do fanzine “Brasas”, unha iniciativa cultural vinculada ao propio Magóstolo.


Con esta colaboración, Deleite Galego reafirma o seu compromiso coa comunidade educativa e co impulso de proxectos que fomenten a convivencia, a creatividade e a identidade cultural galega. O Magóstolo chega para quedar, e esta primeira edición apunta a converterse nunha cita esencial do outono compostelán.