Hai lugares onde o cinema se proxecta. E outros onde se vive. Este 2026, Deleite Galego participa novamente no Festival de Cans, formando parte dunha das citas culturais máis singulares e auténticas do panorama galego, nunha edición que volve converter a aldea do Porriño nun punto de encontro para o audiovisual, a música e a creación contemporánea.
Do 19 ao 23 de maio, Cans celebra a súa XXIII edición cun programa que combina máis de cen obras audiovisuais, estreas, encontros profesionais, concertos e actividades paralelas nun formato único que mantén intacta a súa identidade: próxima, popular e profundamente conectada co territorio.
Nesta edición, o festival conta coa presenza de figuras destacadas do cinema como Julio Medem e renderá homenaxe a Celso Bugallo, ademais de continuar apostando polo talento emerxente e o novo audiovisual galego.
O cartel musical volve ser un dos grandes puntos de encontro do festival, con propostas que mesturan indie, rock e novos sons contemporáneos. Entre os nomes confirmados destacan Arizona Baby, Nat Simons xunto a Aurora Beltrán no proxecto Chicas Fuertes Tour, The Homens, De Ninghures e Delafé DJ Set, consolidando a dimensión musical de Cans como unha experiencia aberta e colectiva.
Na xornada de homenaxes, o festival recoñece a Jaione Camborda co Premio Pedrigree de Honra e entregará os Chimpíns de Prata a Janet Novás, Francisco “Paco” Novás e Víctor Coyote. Este último ten ademais un protagonismo especial nesta edición cun espazo dedicado á súa traxectoria como músico, debuxante e realizador.
Durante o festival, Deleite acompaña diferentes encontros, somos os promotes da sección Novas Camadas. Un dos espazos máis estimulantes para descubrir o talento emerxente do audiovisual galego. Un punto de encontro para creadoras e creadores novos que achegan miradas frescas, historias propias e novas formas de contar o país desde o cinema.
Porque hai festivais que simplemente pasan… E outros que deixan pegada. Sentimos orgullo de apoiar un encontro que celebra a cultura feita desde aquí, con identidade propia, mirada contemporánea e vocación de futuro. Seguiremos acompañando proxectos que, como Cans, demostran que o talento galego non deixa de medrar cando se comparte en comunidade.