Novas

Deleite promove unha residencia literaria para un autor ou autora galega

Written by Deleite Galego | May 26, 2025 6:30:46 PM

Dende Deleite levamos anos facendo da firme aposta pola cultura propia o seu selo de identidade. Un compromiso pola terra e a cultura galegas ben patente no seu apoio a festivais de música, o cinema, o teatro, arte ou literatura.



De feito, en relación con esta última e en colaboración coa Residencia Literaria 1863, lanzamos a primeira bolsa en residencia que o espazo coruñés dirixe especificamente a escritores ou escritoras galegas na nosa lingua: Residencia Deleite Literario. Unha oportunidade para pasar o mes de xullo concentrados nun proxecto de creación literaria para o que se contará co respaldo dunha dotación de tres mil euros a xeito de estipendio.

O autor ou autora (con, cando menos, un libro publicado en galego) deberá presentar unha memoria do proxecto, bio-bibliografía, carta de motivación e mostra de traballos anteriores capaces de convencer a un xurado experto –designado polas entidades convocantes– que o/a seleccione en concorrencia competitiva.

As candidaturas deberán presentarse antes do 15 de xuño de 2025, ás 22:00h no correo electrónico 1863coruna@gmail.com. A persoa beneficiaria da Residencia Deleite Literario pasará o próximo mes de xullo libre de distraccións e obrigas cotiás para poder dar o impulso definitivo á súa novela, bosquexar a súa peza dramática ou estruturar un novo poemario, ao tempo que se abeira á rica vida cultural coruñesa. Acceso ilimitado ás bibliotecas da cidade, entradas para museos e a organización dun acto arredor da súa obra completarán esta oportunidade única e pioneira que non obvia nin as necesidades materiais dos escritores e escritoras nin as dun espazo e un tempo de calidade para poderen explorar e afondar no seu traballo de creación.

As bases da convocatoria pódense consultar aquí.