Novas

Deleite impulsa a II Residencia Deleite Literario para autores e autoras en galego

Written by Deleite Galego | Apr 10, 2026 9:52:51 AM

En Deleite seguimos a facer da aposta pola cultura propia un sinal de identidade. Un compromiso real coa terra e coa lingua que se traduce no apoio continuado a proxectos culturais de todo tipo: música, cinema, artes escénicas… E, por suposto, literatura.



Neste camiño, e tras o éxito da primeira convocatoria, renovamos a nosa colaboración coa Residencia Literaria 1863 da Coruña para lanzar a II Residencia Deleite Literario, unha iniciativa xa consolidada como unha das poucas oportunidades específicas para a creación literaria en galego.

A primeira edición confirmou o interese e o talento existente no noso sistema literario, cunha alta participación e proxectos de gran calidade. O xurado acabou por recoñecer o traballo do escritor Ismael Ramos, cuxo proxecto destacou pola súa solidez e pola súa capacidade de dialogar coa memoria e o territorio desde unha voz propia. A súa estadía na residencia durante o mes de xullo exemplificou o espírito desta iniciativa: ofrecer tempo e espazo de calidade para a creación.

Nesta segunda edición, a Residencia Deleite Literario volve ofrecer a un autor ou autora galega —con cando menos un libro publicado na nosa lingua— a posibilidade de desenvolver o seu proxecto creativo durante o mes de xuño na Residencia 1863, no corazón da Coruña. A convocatoria inclúe unha dotación económica de 3.000 euros en concepto de estipendio, pensada para favorecer unha dedicación plena á escrita.

As persoas interesadas deberán presentar unha memoria do proxecto, bio-bibliografía, carta de motivación e mostra de traballos anteriores. Un xurado experto, designado polas entidades organizadoras, será o encargado de seleccionar a candidatura gañadora en réxime de concorrencia competitiva.

A persoa seleccionada poderá gozar dun mes de traballo afastado das distraccións cotiás, co obxectivo de avanzar de maneira decisiva na súa novela, peza dramática ou poemario. Ademais, terá acceso á rede de bibliotecas da cidade, a museos e á programación cultural coruñesa, así como a posibilidade de participar nun acto arredor da súa obra. O prazo de presentación estará aberto ata o 23 de abril, Día do Libro, ás 22:00h, a través do correo electrónico 1863coruna@gmail.com

Unha oportunidade única que reafirma o compromiso de Deleite coa creación contemporánea en galego e co futuro da nosa literatura.

As bases completas da convocatoria pódense consultar aquí.