Novas

Deleite e Aquí Tamén Se Fala apostan pola música ao vivo

Written by Deleite Galego | May 19, 2026 5:11:29 PM

Deleite Galego reafirma o seu compromiso coa cultura e coa lingua galega patrocinando unha nova edición do ciclo de concertos impulsado por Aquí Tamén Se Fala, a iniciativa cultural do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Rafael Dieste da Coruña.


O terceiro concerto deste ciclo terá lugar o vindeiro 25 de maio no Planetario da Facultade de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña, un espazo singular que se converteu xa nun pequeno refuxio para a música galega contemporánea e para os encontros entre artistas e público nun formato íntimo e especial.

Nesta ocasión, a protagonista será Aida Tarrío, unha das voces máis relevantes da música galega actual. A integrante das Tanxugueiras actuará nun escenario polo que xa pasaron artistas como Antía Muíño e Xabier Díaz.

Ademais do valor artístico da proposta, o proxecto destaca polo seu carácter comunitario e formativo. Parte da produción do concerto estará coordinada por alumnado que participou nun proceso de formación cultural da man de Mónica Mejías, de Correvaidille, reforzando así o vínculo entre cultura, educación e participación xuvenil.

Desde Deleite Galego sentimos orgullo de colaborar con iniciativas que contribúen a fortalecer a lingua galega, apoiar o talento do país e crear espazos de encontro para as novas xeracións. Porque a cultura que nace aquí tamén merece medrar aquí.