'Bibopalula' salta dos debuxos ao teatro cun espectáculo cheo de música
Deleite reafirma o seu compromiso coa promoción da cultura galega e dos contidos infantís en lingua galega patrocinando o novo espectáculo teatral Bibopalula, unha produción de Ainé que adapta ao escenario a exitosa serie de animación musical emitida en Xabarin.gal.
A estrea terá lugar o 7 de xuño no Teatro Colón da Coruña, dando comezo a unha xira que percorrerá diversas localidades galegas durante o mes de xuño, incluíndo Santiago de Compostela, Pontevedra, Vilalba, Verín, Vigo, Cee e Ourense.
O espectáculo, dirixido por Marta Lado e protagonizado por Lidia Veiga, está pensado para nenos e nenas de entre 4 e 8 anos. A historia segue as aventuras da Banda do Bosque —Robin, Merli, Pegui e Carpin— na procura dun misterioso tesouro, combinando música, humor e valores como o respecto pola natureza e a convivencia. As actrices Cristina Andrade, Graciela Carlos, Sara Ferro e Nerea Rodríguez serán as encargadas de dar vida á Banda do Bosque.
Na presentación, o actor e humorista Xosé A. Touriñán, puxo en valor a importancia de ofrecer contidos de calidade en galego para o público infantil, destacando que "é moi necesario que os cativos poidan ver producións feitas aquí e en galego".
Deleite, como marca comprometida coa nosa lingua e cultura, considera fundamental apoiar iniciativas que fomenten o uso do galego desde as primeiras etapas da vida. A través deste patrocinio, Deleite contribúe a que os máis pequenos desfruten de experiencias culturais enriquecedoras na súa lingua materna.
As entradas para Bibopalula xa están á venda na web oficial www.bibopalula.gal. Animamos a todas as familias a participar nesta aventura musical que promete ser inesquecible para os máis pequenos da casa!
Fotos: Aigi Boga.