Novas

Benvida unha nova edición do Festival de Cans

Written by A | May 10, 2022 3:13:54 PM

Cos maios volve un dos festivais máis representativos do noso país e un dos máis excepcionais do panorama audiovisual, o Festival de Cans.

O Festival de Cans

No ano 2004 con poucos recursos, moitas ganas e non menos sentido do humor, a Asociación Cultural Arela do Porriño, organizaba por primeira vez o Festival de Cans. 

O evento nacía coma un festival de curtametraxes pensada para “competir” co festival de cinema internacional que se celebra na cidade francesa de Cannes. 

Neste caso, a parroquia porriñesa de Cans, presentaba o nome perfecto para esta peculiar homenaxe na que se substitúen as luxosas salas de proxección das premieres por non menos luxosos galpóns das curtametraxes.

Grazas á organización, a grupos, actrices e actores e marcas coma Deleite ou ReiZentolo e, sobre todo ás veciñas e veciños da parroquia de Cans, o festival foi quen de acadar un recoñecemento e un empaque dos que moitas e moitos dubidaban ao comezo. 

Mover a personaxes recoñecidas en chimpín? A quen se lle ocorría! Ponlle un BMW, polo menos! Xa por non falarmos de andar a sentar en alpacas e ver as proxeccións en leiras… que vulgaridade! Pois esa, precisamente esa e non outra, é a maxia do festival. É a chave do seu éxito e a súa exclusividade.

XIX edición do Festival de Cans

Logo de dous anos duros a causa da pandemia, e nos que o Festival de Cans tivo que cumprir a maioría de idade dun xeito moi discreto, este ano imos desquitarnos con esta edición que, sen renunciar en absoluto á seguridade e ás medidas hixiénicas, arrecende a novos tempos e renacemento e afianzamento do noso querido festival.

Neste 2022 homenaxeamos á directora e erudita do mundo do audiovisual Margarita Ledo Andión, piar do estudo e a investigación cinematográfica do noso país.

Ademais, o nivel das curtas este ano é especialmente alto e os concertos que veñen son do mellorciño que ides atopar. 

Aquí vos deixamos o dossier con toda a información para estes días.

Dossier Cans 2022

Haber, non hai mellor plan para esta fin de semana, vas deixar pasar Cans?