Novas

“Se fan falla tres tipos para escribir unha novela, cantos se precisan para vendimar?”

portada

Carmen Mola?

O sábado descubríase durante a celebración dun famosérrimo premio literario que tras da escritora superventas Carmen Mola agochábanse tres señores. As redes arderon. Esquecimos a pandemia e o volcán, a chuvia de bonos culturais e demostramos que tamén sabemos de literatura. Miles de opinións serviron para chegar a preguntarnos, con ton preocupante: se fan falla tres tipos para escribir unha novela, cantos se precisan para vendimar?

CarmenMola

Jane Fonda contra o polbo

A mítica Jane Fonda disparou toda a súa solidariedade para situarse completamente en contra dos restaurantes que propoñen polbo na súa carta. Di que son animais intelixentes. Que nolo digan a nós. Jane ten toda a razón. É imposible debater cun polbo cuberto de aceite de oliva e pimentón. Sempre gaña. Que veña Jane Fonda a O Carballiño e que tente discutir con algo así. 

JaneFonda

Os ósos de Apóstolo dan para un caldo

Escoitaríades iso de que ao mellor os restos do Apóstolo non son, como críamos, de Santiago Menor, senón de Santiago Maior. En realidade, a nós o único que nos importa é que se leven a tuna. 

tumbaapostol

Ferrín e Murakami: o Nobel que non chega

Un ano máis, Xosé Luis Méndez Ferrín é o autor galego que queda sen o Premio Nobel de Literatura. É o noso Murakami. Ogallá algún día cando alguén anuncie dende Estocolmo que Ferrín é o premiado, vaian recoller o Nobel tres señoras palilleiras de Camariñas. 

Ferrin

 

Por Mario Caibo

“A vida láctea” é unha sección que servirá para lembrar de xeito pavero as novas máis comentadas. Nas redes ou á saída de misa. No Twitter, no teu salón ou no bar. O caso é que non se nos escapen. Esquécesenos algunha que consideres salientable? Pois dínolo.