Novas

Celebramos o día mundial do Orgullo

image1-3

28 de xuño, día do orgullo

Como dicimos, esta data non foi escollida de xeito casual. O 28 de xuño do 1969 producíanse en Nova Iorque os coñecidos coma disturbios de Stonewall.

Un ano despois de que se producira outro movemento que marcou a toma de conciencia das futuras xeracións en materia de dereitos, o maio do 68, nos Estados Unidos comezaba unha longa e frustrante loita pola descriminalización da sexualidade das persoas.

En 1969 os Estados Unidos estaban en plena loita polos dereitos raciais, asomaba o feminismo organizado e o antimilitarismo triunfaba despois da Guerra do Vietnam. Porén, a sociedade era tremendamente conservadora na súa grande maioría, especialmente en canto aos dereitos humanos que teñen que ver coa sexualidade da cidadanía.

A homosexualidade, a transexualidade ou o travestismo estaban penados como “actividades prohibidas” naquel entón. A “práctica” dalgunha delas era penada con multas, detencións e mesmo cárcere. 

Os bares novaiorquinos aos que acudían persoas LGTB eran frecuentemente desaloxados ou pola policía, e os seus propietarios extorisionados polas forzas de seguridade para poder seguir abrindo. É neste contexto cando, no bar Stonewall Inn do barrio de Greenwich Village no que adoitaban parar persoas LGTB, a policía decide facer unha redada máis na madrugada do 28 de xuño. Nesta redada, o procedemento pretendía ser o habitual: colocar ás e ós ocupantes do local en filas, segregados por orientación sexual á espera de seren arrestados.

Mais os e as ocupantes do local non permitiron que se lles volvese tratar coma gando ou coma delincuentes e negáronse a seren detidas e detidos. 

Nese intre sumáronselle á protesta moitas persoas da rúa convertíndose esa noite nun fito para a loita das persoas LGTB e dos dereitos humanos, en xeral.

 

Para que isto non volte suceder e no camiño da liberdade e os dereitos humanos, celebramos o Día do Orgullo. Orgullosas e orgullosos sempre!

O 28 de xuño celébrase o día do orgullo LGTB. A elección desta data, o actual contexto de dereitos humáns e o festivo deste día, serán algunhas cousas que imos ver no artigo de hoxe.